lunes, 10 de abril de 2017

AGONÍA DO FRANQUISMO




1)    Indica os principais problemas do réxime nos últmos anos.
2)    Que foi a Marcha Verde?
3)    Quen era presidente do goberno no ano 1973? Por que o designou Franco?
4)    Como se denomina o atentado provocado no mes de decembro de 1973 contra ese presidente do goberno? Que grupo terrorista foi responsable? Consideras que este atentado debilitou o réxime? Razoa a resposta.
5)    Cal foi o sucesor na presidencia do goberno? Que política parece que va a aplicar, que política aplica realmente?
6)    Cal foi a resposta do franquismo ante o aumento da oposición armada?

lunes, 3 de abril de 2017

ANOS 60: OPOSICIÓN E REPRESIÓN



Fragmentos de "Memoria de España" producida por TVE

·     
¿Que novidades hai no movemento obreiro nos anos 60? ¿Por que cres que nestes anos hai máis folgas? ¿Trátase simplemente de conflitos laborais?
¿Cales son o outros focos importantes de oposición ao réxime?
¿Cal foi a posición da Igrexa respecto a ditadura? ¿Prodúcese algún cambio nestes anos? ¿Cres que foi xeral ou que había sectores da igrexa que mantiñan a súa posición tradicional?
¿Que diferencias hai entre o nacionalismo vasco e catalán?
¿Como reaccionou a ditadura ante o crecemento da oposición?


lunes, 27 de marzo de 2017

ANOS 60: CRECEMENTO ECONÓMICO E CAMBIOS SOCIAIS





Fragmentos de "Memoria de España" producida por TVE
¿Qué cambios económicos caracterizan os anos 60?
¿Afectaron do mesmo xeito a todos os grupos sociais? ¿Cales se beneficiaron menos destes cambios?
¿Por que se produce a emigración masiva cara ás cidades? ¿Qué consecuencias ten?
Valora a importancia do turismo dende o punto de vista social e económico
¿Que problemas tiña o crecemento dos anos 60?

jueves, 23 de marzo de 2017

LECTURAS

TÍTULO: Historia de una maestra
AUTORA: Josefina Aldecoa
A novela narra a historia de Gabriela, unha mestra que exerce en varios pobos rurais e mesmo en Guinea Ecuatorial, desde os anos vinte, pasando pola época da República ata os inicios da guerra civil.

Na primeira parte, Gabriela remata a súa carreira de Maxisterio en Oviedo no ano 1923, e o día que iso sucede ten lugar a voda de Francisco Franco, que acabaría marcando o seu destino e o dos demais españois. Seguidamente ten a súa primeira escola nun pobo da provincia de León. Despois de aprobar as oposicións en 1928, cando tivo a oportunidade de elixir un destino, escolleu o que ninguén quería: Guinea Ecuatorial, onde descobre un mundo diferente e no que ten que traballar nunhas circunstancias moi duras pero con grande entusiasmo, ademais alí coñece a Emile, un personaxe que deixará fonda pegada nela.

A segunda parte coincide co regreso de Gabriela á Península, despois de deixar Guinea por unha enfermidade. Xa casada con Ezequiel, outro mestre, e embarazada trasládanse a un pequeno pobo no que nacerá Juana, xusto o día no que se proclama a República, un periodo no que se fixo unha gran labor pola educación.

Na última parte, a familia deberá trasladarse novamente a un pobo mineiro no que o alcalde é republicano e mesmo darán clase aos adultos. Ao final, a revolución de Asturias de 1934 marcaría as súas vidas, xa que Ezequiel acabará ao lado dos insurrectos e comezarán as revoltas.

A autora, Josefina Aldecoa, pretende render homenaxe aos mestres da República que con tanto entusiasmo pretenderon educar a un país que estaba sumido na ignorancia e no que a Igrexa tiña moito mando. Esta obra é capaz de transportarnos aos anos 20 e 30 e facernos partícipes dos feitos históricos e políticos que sucederon durante esa época; ao mesmo tempo fainos admirar unha profesión na que persoas tan entregadas como Gabriela aman o seu traballo e son capaces de formar persoas xustas e libres. Un mestre con vocación é sempre unha persoa moi importante na vida dun alumno e que o vai marcar para o seu futuro.

Sara Campos 2º BAC

Historia de una maestra é unha obra que rinde homenaxe á labor de todos os mestres que participaron con ilusión e dedicación na reforma educativa que se intentou levar a cabo durante a II República.
A protagonista, Gabriela, é unha mestra recén graduada chea de ideais e proxectos que ve na súa profesión a marabillosa posibilidade de non só ensinar novos coñecementos, senón de educar persoas capaces de pensar e decidir por si mesmas e facer progresar a futura España.
Durante toda a obra os lectores somos partícipes da encomiable labor que levaron a cabo os mestres da República, que intentaron facer da liberdade e da igualdade dous principios fundamentais na educación. A coeducación, a educación laica ou o acceso á cultura para todos eran algúns dos principios nos que se baseaba o proxecto que querían levar a cabo a protagonista e varios dos personaxes cos que se cruza ao longo da obra, cada un representante dun estrato social afectado de distintas formas pola nova forma de goberno.
          O libro remata co estalido da Guerra Civil, feito que paralizará todas as reformas a prol da educación e a modernización de España que intentaron levarse a cabo durante a República, considerada unha etapa de esplendor a nivel cultural.
É unha obra moi recomendable, que nos fai darnos conta de canto se tivo que loitar para que hoxe unha educación de calidade sexa un dereito básico e accesible para todos.

Eva Fernández Paderne-2º BAC


lunes, 13 de febrero de 2017

LECTURAS

TÍTULO: Soldados de Salamina
AUTOR: Javier Cercas
EDITORIAL: Tusquets Editores

          Soldados de Salamina relata a historia dun personaxe importante da Falanxe, o poeta-escritor, Rafael Sánchez Mazas, que viviu o final da guerra un episodio un tanto peculiar, salvouse de ser fusilado polo bando republicano cerca da fronteira con Francia, en Cataluña, despois de pasar un tempo encerrado nun barco reconvertido en prisión. Tras salvarse grazas á misericordia dun dos milicianos, o cal lle permitiu fuxir, sobreviviu nos arredores de Banyoles grazas á familia Ferré e máis tarde grazas a tres soldados desertores do bando republicano que se escondían no mesmo lugar ca el. Sánchez Mazas non tardou en ser rescatado polo exército rebelde, e tras o final da guerra dedicouse á política, campo no que fracasou, aínda que acabou vivindo confortablemente como herdeiro dunha fortuna.

          Este libro está dividido en tres partes diferenciadas. Na primeira o autor, Javier Cercas, relata como coñeceu a historia grazas a unha entrevista co fillo do protagonista, e como grazas á colaboración de diferentes persoas reconstruíu a historia ao completo, entre esas persoas algúns dos que axudaron a sobrevivir a Sánchez Mazas.

          Na segunda parte é onde se relata a historia dende os inicios de Sánchez Mazas como falanxista seguidor de José Antonio Primo de Rivera ata o final da súa vida.

          Na terceira parte regresa Javier Cercas desconforme coa historia, encontrando un final colosal para o relato. Tras unha entrevista con Roberto Bolaño descobre a un excombatinte, coñecido do escritor, que loitou na Guerra Civil ou na Segunda Guerra Mundial. Este excombatinte resultou ser un dos que se encontraban custodiando aos presos no mesmo lugar no que Sánchez Mazas estivera recluído. Con esta parte Javier Cercas cambia totalmente o enfoque do libro, pasando de contar a historia dun falanxista e escritor  con moita sorte, a contar a historia de persoas como o excombatinte que loitaron en guerras que iniciaron personalidades como Sánchez Mazas e que sen ser coñecidas, sen ter esa fama permanecerían vivos en historias coma estas.

          Entre todas as personaxes que aparecen na novela, sen lugar a dubidas o que máis me fascinou foi Miralles, o excombatinte que lle dá ao escritor o final desexado para o libro. Miralles non é o que inicia a historia, nin o protagonista, pero é unha persoa que transformou totalmente a forma que tiña de ver as guerras e os participantes. Durante a entrevista que ten Javier Cercas co propio Miralles, relata os seus inicios na Guerra Civil con un grupo de rapaces da súa idade do mesmo lugar de orixe. Miralles conta como cada un deles foron morrendo sen chegar a vivir unha vida, e sen ser recordados por ninguén, excepto el, porque ao fin e ao cabo non tiñan a ninguén. Así Miralles sentíase culpable por vivir e non estar con eles, recordándoos cada día da súa existencia. Deste xeito Miralles fíxome preguntarme cantos máis haberá como ese grupo de rapaces que non aparecerán nin como cifra nos libros de historia?



Sandra Calvo 2º BAC

viernes, 20 de enero de 2017

LECTURAS

Título: Los girasoles ciegos.
Autor: Alberto Méndez.

“Los girasoles ciegos” é unha obra que reúne un total de catro historias enmarcadas entre o ano 1939 e o 1942. Todas elas narran de xeito moi realista catro situacións aparentemente inconexas de personaxes que sufriron en primeira persoa a forte represión da posguerra, aínda que co avance da lectura o lector comeza a relacionar datos que permiten coñecer a estreita relación entre os catro casos.
Este libro paréceme unha obra de gran calidade e maestría en canto á redación e capacidade de expresión de sentimentos e sensacións do autor. É capaz de narrar con luxo de detalles emocións e pensamentos que claramente invadiron a todos os que viviron a guerra, e que dende a actualidade podemos supoñer e intentar comprender (aínda que nunca conseguiremos saber con certeza o que foi vivir aquilo) pero que son moi difíciles de expresar sobre o papel.
Considero que se trata dun libro moi recomendable non só a nivel cultural polo tema que trata da nosa historia como país senón a nivel persoal e interior, polas realidades que pon de manifesto e que, por desgraza, hoxe moitas persoas viven aínda que non o sintamos como unha dor propia porque non nos afecta directamente.
É un libro non moi extenso pero si denso, que recomendo a todo aquel interesado por coñecer un pouco máis sobre a Guerra Civil e sobre a historia do noso país.
                                                 
          Eva Fernández Paderne – 2º Bacharelato